Atención temperá

A atención temperá é o conxunto de intervencións destinadas a nenos/as de 0 a 6 anos, a familia e ao entorno, que teñen como obxectivo responder o máis rápido posible ás necesidades transitorias ou permanentes de nenos/as con trastornos no desenvolvemento ou que están en perigo de padecelos.

 

Son obxectivos de Atención Temperá:

  1. Atender e cubrir as necesidades e demandas da familia e do ambiente no que vive a/o nena/o.
  2. Optimizar, na medida do posible, o curso do desenvolvemento da/o nena/o.
  3. Evitar ou reducir a aparición de efectos secundarios ou asociados producidos por un trastorno ou situación de alto risco.
  4. Considerar a/o nena/o como suxeito activo na intervención.
  5. Reducir os efectos dunha deficiencia ou déficit no conxunto global do desenvolvemento.
  6. Usar os mecanismos de compensación necesaria, eliminación de barreiras e realizar as adaptacións ás necesidades específicas de cada nena/o.

Os primeiros anos da infancia caracterízanse pola progresiva adquisición de funcións tan importantes como o control postural, a autonomía para desprazarse, a comunicación, a linguaxe verbal e a interacción social. A evolución positiva dun neno ou dunha nena está altamente condicionada a idade na cal comeza a recibir intervención, polo que é imprescindible que se establezan as ferramentas necesarias para diminuír a idade de detección das alteracións.

Existen sinais claras e consensuadas internacionalmente que nos deben alertar sobre posibles alteracións.

Máis información na páxina web:
Centros para o control e a prevención de enfermidades.
Aprenda as sinais. Reaccione pronto!


Terapia Ocupacional e Integración Sensorial

A Asociación Profesional Española de Terapeutas Ocupacionais (APETO) define terapia ocupacional coas seguintes liñas: “A terapia ocupacional é unha disciplina socio-sanitaria que avalía a capacidade da persoa para realizar as actividades da vida diaria e intervén cando ditas capacidades corren un risco ou están danadas por calquera causa (física, psicolóxica ou social) mediante un tratamento axeitado, a fin de capacitalo para acadar o grao máis alto posible de independencia na súa vida diaria.” O desempeño ocupacional das nenas e dos nenos (vestido, alimentación, xogos, etc.) pode estar afectada por dificultades nas habilidades motoras (motricidade fina, movementos coordinados coas dúas mans…), cognitivas (memoria, atención, percepción…), habilidades de relación e comunicación, problemas no procesamento sensorial e por dificultades na aprendizaxe. Os obxectivos xerais son acadar a máxima integración das nenas/os no espazo educativo, aumentar a autonomía e independencia nas actividades da vida diaria, mellorando así a súa calidade de vida e a das súas familias.

 

Porqué é nos especializamos en Integración Sensorial?
Porque a aprendizaxe depende de:

  1. En primeiro lugar da habilidade que temos para captar información sensorial (do ambiente e do propio corpo);
  2. En segundo lugar depende da capacidade para tratar e integrar dita información dentro do Sistema Nervioso Central (cerebro e médula espiñal)
  3. En terceiro lugar, da habilidade para planificar e organizar o comportamento.

A doutora Jean Ayres foi a creadora da teoría de Integración Sensorial (I.S.) e definiu a I.S. como “o proceso neurolóxico que organiza a sensación dende o noso propio corpo e dende o ambiente e fai posible usar eficazmente o corpo dentro do ambiente. Os aspectos espaciais e temporais das aferencias de diferentes modalidades sensoriais son interpretados, asociados e unificados. A integración sensorial é o procesamento da información” (J. Ayres, 1989: 11). As dificultades na Integración Sensorial acontecen cando un neno ou unha nena non procesa de maneira efectiva a información que recibe do tacto, da localización das partes do seu corpo no espazo, do movemento ou da gravidade, e/ou dos outros sistemas sensoriais. Pode sentir que o mundo é un lugar amenazante e ter reaccións de medo, ou non ser case consciente do que acontece ao seu arredor (non ser consciente do perigo ou reaccionar moi pouco ante a dor e os estímulos auditivos), ou estar buscando estímulos constantemente (pode parecer hiperactivo/a). A relación entre os diferentes sentidos é complexa, que aconteza de maneira correcta é o que nos permite interpretar os estímulos, organizalos e poder emitir unha resposta axeitada. Un bo concepto de un mesmo ou de unha mesma, o autocontrol e a confianza proceden do sentimento de que o propio corpo é un ser que sinte e se move de maneira competente e é capaz de responder as demandas do entorno. Unha boa integración sensorial permite funcionar ben tanto a nivel escolar como nas actividades da vida diaria.

A quen vai dirixido?
A intervención desde Terapia Ocupacional pode beneficiar a moitas nenas e nenos que presentan unha alteración no desenvolvemento, unha afectación neurolóxica ou un síndrome xenético. E tamén nenas e nenos con problemas de aprendizaxe sen alteracións no desenvolvemento nin diagnóstico asociado a unha afectación neurolóxica.

Trastornos do Espectro Autista (autismo) e Integración Sensorial
Moitas persoas con T.E.A presentan unha disfunción no procesamento sensorial que repercute no desempeño das actividades diarias e na interacción social. Pode deberse a unha resposta esaxerada (hiperresposta) do sistema nervioso ante a información que recibimos dos diferentes sentidos, ou ben por unha resposta diminuída (hiporresposta). Un neno ou unha nena pode variar o longo do día entre momentos de sobrecarga sensorial e momentos que parece custarlle captar a información.


Psicoloxía – Terapia Familiar Sistémica

A terapia familiar sistémica móstrase como un modelo de intervención terapéutico que aborda ao individuo dende o seu ser social, relacional, inxerido nun contexto ao que se chama sistema. Dende esta perspectiva enténdese que se un individuo manifesta un cambio, sexa positivo ou negativo, esa conducta afecta aos que están ao seu redor, e, á súa vez, eles manteñen, provocan ou inhiben, tamén, dita conducta. É por iso, que o que hai que observar e onde hai que intervir non é só no individuo, illándoo do seu contexto, se non en todo o sistema ao que pertence. Entendemos por sistema ao conxunto de elementos en interacción dinámica cunha historia en común. O concepto sistema pode ser aplicado a infinidade de entidades sempre que reúnan dita característica: a interactividade. Unha escola é un sistema, un grupo é un sistema, unha empresa é un sistema e unha familia é un sistema. Dende a terapia familiar sistémica traballamos centrándonos no presente das persoas e no acompañamento de cara a atopar as solucións aos síntomas existentes dentro do contexto actual: familiar e social. A orientación que seguimos principalmente é a Terapia Breve Centrada en Solucións (menor número posible de sesións) e os obxectivos a acadar márcanse en base as necesidades particulares de cada persoa.


Intervención Pedagóxica e Logopedia

A intervención ou reeducación pedagóxica está orientada a alumnado con problemas de aprendizaxe relacionadas coa lectura (dislexia…), escritura (disgrafía…), cálculo (discalculia…), dificultades de razoamento ou dificultades atencionais. Tamén se poden beneficiar estudantes con altas capacidades ou con ansiedade e angustia ao centro escolar. A logopedia trata os problemas de aprendizaxe relacionadas con dificultades na lectura e escritura, os trastornos do desenvolvemento da linguaxe, da articulación, da voz, problemas na deglución, trastornos neurolóxicos, trastornos da comunicación asociados a autismo, etc. A comunicación é unha ferramenta fundamental para interaccionar co medio que nos rodea.

 

¿QUE OFRECEMOS?

  • Prevención e tratamento de alteración da linguaxe
    A logopedia é a ciencia que estuda os trastornos da linguaxe e audición nas persoas. Na etapa infantil é unha gran axuda para mellorar a súa comunicación.
  • Avaliación psicoeducativa
    Valorando as expectativas e a demanda das familias mediante entrevistas, a observación e a aplicación de probas estandarizadas.
  • Obxectivos de intervención específicos e personalizados
    Potenciando as súas capacidades e traballando as súas dificultades, adaptamos o material de intervención a cada nena/o.
  • Contacto co centro escolar
    Para traballar en rede e seguir unha liña de intervención común.
  • Intervención integral no fogar
    Para promover hábitos correctos de estudo e a consecución de habilidades no ambiente coñecido pola/o nena/o, adolescente ou alumnado na etapa adulta. Coñeceremos o entorno no que se desenvolven as súas conductas para formular obxectivos acordes ás necesidades de cada persoa en particular.

Espazo inclusivo de aprendizaxe vivencial

  • Un espazo activo de aprendizaxe vivencial que provoque as ganas de movemento, ilusión, compartir e xogar! Sí, xogar é a ferramenta que temos dende que nacemos para desenvolver as áreas motoras, cognitivas e da comunicación e linguaxe. Se coidamos o xogo, e o contexto no que xogamos así como valoramos a  promoción da autonomía na infancia, podemos potenciar maiores aprendizaxes e maior confianza e autoestima para medrar felices.
  • Pensamos que o mellor contexto para traballar habilidades sociais é en un grupo con nenas e nenos xogando felices, con moito espazo e co apoio de profesionais cualificadas.

 


Intervención social: talleres, asesoramento e formación

  • Ofertamos talleres e accións formativas para todos os públicos.
  • Temos un servizo de asesoramento para calquera dúbida que se che poida presentar de cara os servizos que ofertamos (atención temperá, terapia ocupacional, atención psicolóxica, etc.).