Porqué é nos especializamos en Integración Sensorial?
Porque a aprendizaxe depende de:

  • En primeiro lugar da habilidade que temos para captar información sensorial (do ambiente e do propio corpo).
  • En segundo lugar depende da capacidade para tratar e integrar dita información dentro do Sistema Nervioso Central (cerebro e médula espiñal).
  • En terceiro lugar, da habilidade para planificar e organizar o comportamento.

A doutora Jean Ayres foi a creadora da teoría de Integración Sensorial (I.S.) e definiu a I.S. como “o proceso neurolóxico que organiza a sensación dende o noso propio corpo e dende o ambiente e fai posible usar eficazmente o corpo dentro do ambiente. Os aspectos espaciais e temporais das aferencias de diferentes modalidades sensoriais son interpretados, asociados e unificados. A integración sensorial é o procesamento da información” (J. Ayres, 1989: 11). As dificultades na Integración Sensorial acontecen cando un neno ou unha nena non procesa de maneira efectiva a información que recibe do tacto, da localización das partes do seu corpo no espazo, do movemento ou da gravidade, e/ou dos outros sistemas sensoriais. Pode sentir que o mundo é un lugar amenazante e ter reaccións de medo, ou non ser case consciente do que acontece ao seu arredor (non ser consciente do perigo ou reaccionar moi pouco ante a dor e os estímulos auditivos), ou estar buscando estímulos constantemente (pode parecer hiperactivo/a).A relación entre os diferentes sentidos é complexa, que aconteza de maneira correcta é o que nos permite interpretar os estímulos, organizalos e poder emitir unha resposta axeitada. Un bo concepto de un mesmo ou de unha mesma, o autocontrol e a confianza proceden do sentimento de que o propio corpo é un ser que sinte e se move de maneira competente e é capaz de responder as demandas do entorno. Unha boa integración sensorial permite funcionar ben tanto a nivel escolar como nas actividades da vida diaria.

A quen vai dirixido?
A intervención desde Terapia Ocupacional pode beneficiar a moitas nenas e nenos que presentan unha alteración no desenvolvemento, unha afectación neurolóxica ou un síndrome xenético. E tamén nenas e nenos con problemas de aprendizaxe sen alteracións no desenvolvemento nin diagnóstico asociado a unha afectación neurolóxica.

Trastornos do Espectro Autista (autismo) e Integración Sensorial
Moitas persoas con T.E.A presentan unha disfunción no procesamento sensorial que repercute no desempeño das actividades diarias e na interacción social. Pode deberse a unha resposta esaxerada (hiperresposta) do sistema nervioso ante a información que recibimos dos diferentes sentidos, ou ben por unha resposta diminuída (hiporresposta). Un neno ou unha nena pode variar o longo do día entre momentos de sobrecarga sensorial e momentos que parece custarlle captar a información.